Páginas

sábado, 11 de febrero de 2017

OS FAMILIARES VISITAN A AULA DENTRO DO PROXECTO DOS OFICIOS.

Un total de dez familiares visitaron aos alumnos de 6º de Educación Primaria durante o último mes para falar dos oficios dentro do proxecto "De maior quero ser..." que trata dos sectores económicos. Foi unha experiencia única que outorgou coñecementos de primeira man e até algún que outro consello para o futuro. Nais, pais, avoas, avós e tías, cunha didáctica inmellorable, contribuíron a realizar este proxecto.   

María Argibay, 10 de marzo de 2017.
Coa charla de María Argibay, familiar dunha alumna e xornalista de profesión no Diario de Pontevedra, pechamos o ciclo de charlas sobre os oficios e ademais conmemoramos a semana da prensa que estamos traballando no Colexio. María falounos do día a día dunha profesión tan fermosa como ás veces complexa pero feita sempre dende a vocación que compartiu con todos. Grazas ao seu relato, soubemos da vida dun xornal, do traballo de redacción, deseño ou impresión. Tamén relembramos o pasado proxecto de "Somos xornalistas" cando nos falou das entrevistas, das seccións do rotativo ou do traballo que fan os fotógrafos. Outro oficio que coñeciamos ben dende fóra e moi pouco dende dentro. Agradecemos a María a súa oportuna presenza e a súa xenerosidade. 
 
 
 
Sito Santiago, 9 de marzo de 2017.
Hoxe puxémoslle un pouco de "marcha" á nosa aula grazas a Sito e ao seu equipo de Dibay. Na súa divertida exposición, acompañada de abundante material: micrófonos, mesa de son,  equipos de luz ... falounos dos múltiples traballos que recolle o seu oficio dende a imprenta até a montaxe en eventos como son, por exemplo, os concertos. Foi unha charla que animou a mañá e nos proporcionou aprendizaxes sobre un oficio do que sabiamos algo dende fóra e moi pouco dende dentro. Agradecemos a Sito a súa presenza, a do seu equipo, e a súa xenerosidade.

    
Xosé Rodríguez, 8 de marzo de 2017.
Hoxe tivemos unha visita diferente e especial. Xosé, pai dun alumno de 6º, axente forestal e responsable da base aérea do Campiño, estivo na nosa aula para falarnos dun traballo fundamental para a conservación do noso medio. Este experimentado axente, ensinounos de primeira man as tarefas anuais que realizan en todo o noso territorio. A segunda parte foi unha enorme sorpresa, saímos ao patio e alí agardábanos un importante equipo de prevención de incendios xunto a un camión e dous coches de axentes. A esta visita uníronse alumnos de Educación infantil e Educación especial que tamén lembraron a súa recente visita aos bombeiros de Pontevedra. Agradecer a Xosé a súa presenza e a de todo o seu equipo así coma toda a xenerosidade amosada.






Inés Méndez , 3 de marzo de 2017.
Inés é traballadora autónoma e rexenta unha empresa de Pontevedra dedicada ao aluguer de vehículos de transporte persoal eléctricos e a pedais. Hoxe falounos do seu día a día nunha tenda ateigada de Ninebots, bicicletas, tándems, patinetes ou Trikers. Tamén falou dos conceptos de "autónomo" e "empregado"; da influencia que ten o mal tempo no seu  negocio ou da importancia do bo trato a cada un dos clientes. Nesta interesante charla de Inés non faltaron as preguntas de todos para poder ampliar unha interesantísima información sobre un oficio diferente.  Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.


   
Luisa Tajes , 23 de febreiro de 2017.
Luisa traballa na residencia de anciáns de Marín. Leva moitos anos no oficio, algo que percibimos ás claras a través desta charla na que aprendemos e tomamos conciencia da vida interna dunha residencia de anciáns. Grazas a Luisa soubemos dalgunhas doenzas, das súas características e dos seus coidados; das tarefas que desenvolven e da paixón por unha profesión para a que hai que ter unha clara vocación ademais dos estudos pertinentes. Para rematar tróuxonos un aparello co cal medimos a tensión. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.

 

Celia Buceta , 22 de febreiro de 2017.
Sempre ollamos dende as aulas o quefacer diario de centos de mariscadoras e mariscadores que ateigan os areais da Ría de Pontevedra; hoxe visitounos Celia, mariscadora de varias xeracións que nos achegou interesantes coñecementos sobre o oficio. Foi na mesma praia de Praceres onde puidemos coñecer as técnicas e os aparellos precisos para a extracción da ameixa. Despois desta práctica regresamos á aula con Celia onde puidemos ver as diferentes vestimentas do oficio, ollar os bivalvos vivos ou os aparellos de medición de ameixa. Toda esta charla acompañouse dunha morea de preguntas que de seguro deixaron a cada alumno unha información útil para continuar investigando. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.


Ana Amoedo, 20 de febreiro de 2017.
Ana rexenta unha peluquería en Pontevedra. Leva máis de vinte anos traballando no sector e hoxe visitounos para falarnos do seu oficio, do seu día a día e da formación precisa para exercer esta profesión. Ensinou materiais e explicou diferentes e complexas técnicas; tamén nos transmitiu o gusto polo que fai e a ilusión de contribuír a "poñer á xente guapa". O tempo quedounos curto pero seguro que nos volveremos a ver. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.


 
Manuel Soage, 16 de febreiro de 2017.
Manuel traballou na construción. Como avó dun alumno non perdeu a oportunidade de visitar a nosa aula para falarnos, máis aló dos oficios, dunha época da que queda a vivencia da súa xeración. Falounos de emigración, da vida lonxe da casa ou de diferentes formas da vida ao longo das últimas décadas.  Foron todos relatos e historias únicas. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.
 
 

 
José Manuel Landín, 13 de febreiro de 2017.

José Manuel, avó dunha alumna, trouxo á nosa aula aprendizaxes sobre o mundo das redes. Con máis de corenta anos de traballo, este experimentado redeiro, amosounos diferentes técnicas de confección de redes así como algún vídeo sobre o emprego das mesmas. Foi unha charla moi didáctica acompañada dunha sesión-taller onde puideron facer unha pequena iniciación ao oficio. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.


María Santiago, 9 de febreiro de 2017.
O pasado xoves 9 de febreiro, recibimos a María que nos falou do seu traballo na industria madereira e das tarefas que realiza na mesma. Foi unha visita moi interesante, con moitas aprendizaxes e cunha interesante comunicación entre todos. María trouxo diferentes pezas de madeira coas cales puido explicar a montaxe dos taboeiros. Agradecemos a esta nai o tempo que empregou para acompañarnos nunha fermosa xornada.


                                               

Proxecto:
Para entender os sectores:
 

miércoles, 1 de febrero de 2017

Telexornal de Paz.

Unha das tarefas que recolle o actual proxecto (Somos xornalistas) é a elaboración dun telexornal informativo con motivo do día da Paz. Cada grupo preparou unha nova relacionada coa paz que podía ser inventada ou real. Non falta o humor e a creatividade pero sobre todo non falta o desexo dos nosos alumnos por vivir nun mundo de PAZ.